Blogue en construción

Blogue en construción

jueves, 25 de noviembre de 2010

A PERVIVENCIA DA GUERRA FRÍA: COREA SETENTA ANOS DE CONFLITO.


A relación entre ambas as dúas Coreas está ancorada na Guerra Fría. A finais da Segunda Guerra Mundial, Corea queda dividida en dous Estados: o do norte, comunista, e o do sur, baixo influencia de Estados Unidos.

Dous anos despois, o norte invade o sur. A guerra durou tres anos (1950-1953). Non obstante as dúas Coreas nunca asinaron a paz, senón un armisticio, polo que, a día de hoxe, tecnicamente, seguen en guerra.

Como liña divisoria, unha franxa desmilitarizada de terra, vixiada por dous millóns de soldados e unha fronteira marítima, que Corea do Norte non recoñece. Iso deu lugar a enfrontamentos graves, como o acontecido en marzo pasado (2009), cando un torpedo norcoreano afundiu un buque surcoreano, con 46 soldados a bordo.

A tensión entre ambos os dous países incrementouse, a medida que o réxime totalitario de Pyongyang conseguía entrar na carreira nuclear. Corea do Norte ten, segundo un último informe, centos de centrifugadoras para enriquecer uranio.

Dirixindo os destinos de Corea do Norte, unha das nacións máis pobres do planeta, encóntrase unha escura dinastía, que converteu o país nunha prisión para 24 millóns de persoas. Neste país venérase ao líder ou remátase asasinado ou nun campo de traballo. O líder, Kim Jong II prepara o seu fillo para que manteña o pulso ao seu veciño do Sur.
O último episodio nesta espiral de enfrontamentos tivo lugar o martes 23 de novembro co ataque lanzado por Corea do Norte con lume de artillaría contra a illa surcoreana de Yeongpyeong, na costa occidental.

martes, 16 de noviembre de 2010

O PROBLEMA DO SÁHARA: UNHA HERDANZA DA DESCOLONIZACIÓN


Nos últimos días estamos asistindo a un recrudecemento do conflito do Sáhara, un territorio que foi colonia española ata 1975. O pasado luns 8 de novembro, as forzas de seguridade marroquís desmantelaron pola forza o campamento de Gdaim Izik, situado preto da capital do Sahara Occidental (O Aaiún) e no que, dende había aproximadamente un mes, uns 20.000 saharauís esixían mellores condicións de vida para o seu pobo. O asalto e os violentos enfrontamentos posteriores saldáronse con varios mortos e decenas de detidos. Estes sucesos están salpicando a España como antiga metrópole.
Nos enlaces que figuran neste post podes atopar toda a información sobre este conflito herdado do colonialismo europeo en África.


lunes, 15 de noviembre de 2010

EE.UU OFRECEU REFUXIO A NAZIS TRAS A II GUERRA MUNDIAL


Un informe ata agora secreto sobre a operación de caza de nazis por parte do Goberno de EUA conclúe que funcionarios de intelixencia ofreceron refuxio no país a nazis e aos seus colaboradores tras a II Guerra Mundial.

O diario The New York Times foi o primeiro en obter unha copia do informe que o Departamento de Xustiza tratara de manter en segredo durante os últimos anos

O informe documenta como funcionarios estadounidenses que recibiron o labor de recrutar científicos tras a II Guerra Mundial fixeron caso omiso da orde do presidente Harry Truman de que non se recrutase nazis ou persoas afiliados con eles.

Arthur Rudolph, un dos centos de científicos estranxeiros recrutados para traballar en EUA tras a guerra dixo aos investigadores en 1947 ser o director dunha fábrica que fabricaba foguetes na que se obrigaba a traballos forzosos.

O informe asegura que os funcionarios de inmigración sabían que Rudolph fora membro do partido Nazi pero aínda así deixárono entrar en EUA polo seu coñecemento sobre foguetes.

Outro dos casos que se menciona é o de Otto Von Bolschwing, que traballou con Adolf Eichmann, un dos arquitectos do Holocausto, e que traballou como axente da CIA en EUA tras a II Guerra Mundial

domingo, 31 de octubre de 2010

TEA PARTY



O Motín do té, Festa do té ou Tea Party fou unha acción de protesta contra os impostos británicos que levaron a cabo algúns cidadáns de Boston o 16 de decembro de 1773. O goberno británico resolvera eliminar as Townshend Acts que impoñían taxas fiscais sobre as mercadorías que chegaban ás colonias americanas, posto que estas leis eran absolutamente impopulares e estaban a engadir tensión á situación das colonias. Non obstante, o Parlamento non quería renunciar ao seu dereito a aprobar impostos para os novos territorios, de maneira que mantivo o imposto sobre o té para ter, en boa medida, un precedente en caso de que se fixesen necesarias novas taxas, coas que os americanos debían contribuír ao sostemento das institucións reais nas colonias.

A comezos de decembro de 1773 chegaran ao porto de Boston tres barcos da Compañía das Indias Orientais, o Dartmouth, o Eleanor e o Beaver, que traían nas súas adegas 342 caixas de té. A Compañía das Indias Orientais conseguira o monopolio do comercio do té, o que desgustou ao grupo de comerciantes conservadores, que vían ameazado o sistema de librecambio, de maneira que se aliñaron aos colonos, que mantiñan posturas máis radicais. Os cidadáns opoñíanse a que o té fose levado a terra, mentres que, por outra parte, o gobernador de Massachusetts, Thomas Hutchinson, quería evitar que os barcos volvesen a Inglaterra sen que se tivesen pagado os impostos. A noite do 16 de decembro, os membros dun grupo que se autodenominaba Fillos da Liberdade, comandados polo predicador Samuel Adams, subiron a bordo das naves (algúns disfrazados de indíxenas americanos) e botaron á baía o cargamento de té, valorado en 18.000 libras. Posteriormente, Hutchinson negouse a pagar os danos e a indemnizar os capitáns polas súas perdas. Motíns similares tiveron lugar a finais dese ano nos portos de Delaware, New York, Annapolis ou Greenwich. Como medida de castigo, o Parlamento británico aprobou a Acta do Porto de Boston, que pechaba o porto ao tráfico mercantil e trasladaba a capitalidade da colonia á cidade de Salem.


Este feito considerase un precedente da Guerra de Independencia dos EE.UU.

Estas últimas semanas asistimos nos EE.UU ao nacemento dunha nova corrente dentro da política norteamericana, unha corrente marcada polo sector ultradereitista do Partido Republicano descontento polas políticas do presidente Obama. Curiosamente denomínanse Tea Party

martes, 28 de septiembre de 2010

2010: REMATA A PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL

Como responsable dunha guerra iniciada pola súa agresión, Alemaña quedou obrigada a pagar reparacións ou indemnizacións de guerra aos vencedores.
Na Conferencia de Spa (1920) establécese a porcentaxe que recibiría cada país do total: Francia 52%, Gran Bretaña 22%, Italia 10%, Bélxica 8%
Na Conferencia de Londres (1920) fíxase o importe total das reparacións: 140.000 millóns de marcos-ouro, unha enorme cantidade.
Cando todos pensabamos que as débedas xa estaban saldadas, salta esta noticia que non deixa de ser sorprendente: Alemaña aboa as últimas reparacións da Primeira Guerra Mundial
Aproveitando o 20º aniversario da reunificación, Alemaña realizou o 3 de outubro de 2010 o último pago das indemnizacións da Grande Guerra

jueves, 3 de junio de 2010

A GUERRA FRÍA


Denomínase Guerra Fría ao enfrontamento político, ideolóxico, económico, tecnolóxico e militar que tivo lugar durante o século XX entre os bloques occidental-capitalista, liderado por Estados Unidos, e oriental-comunista, liderado pola Unión Soviética, do que se separou posteriormente China para ir creando a súa propia esfera de influencia.
Estes dous bloques caracterízanse por non enfrontarse nunca directamente (de aí o termo "guerra fría"), sempre un directamente contra un aliado do outro ou dous aliados de cada bloque entre si. Aínda que estes enfrontamentos non chegaron a desencadear unha guerra mundial marcaron significativamente a maior parte da historia da segunda metade do século XX, pois as dúas superpotencias desexaban implantar o seu modelo de goberno en todo o Planeta. Os límites temporais do enfrontamento sitúanse entre 1945 e 1948 (fin da Segunda Guerra Mundial e fin da posguerra respectivamente) até 1985 (inicio da Perestroika) e 1991 (disolución da Unión Soviética).
Para a explicación do tema apoiareime na seguinte presentación e nos vídeos que a seguen:







jueves, 27 de mayo de 2010

O NEGACIONISMO


O negacionismo consiste nunha serie de alegacións segundo as cales o exterminio masivo dos xudeus a mans dos nazis nunca ocorreu; o número de vítimas xudías foi notoriamente esaxerado; o Holocausto non foi sistemático nin o resultado dunha política oficial. Estas absurdas afirmacións foron e son efectuadas por nazis, neo-nazis, pseudo-historiadores autodenominados revisionistas.
Os que negan o Holocausto ignoran as numerosas probas que avalan a súa existencia e insisten en que é un mito inventado polos aliados, os comunistas soviéticos e os xudeus para lograr obxectivos propios.
Os revisionistas sosteñen que os diarios persoais, os testemuños e as fotografías do Holocausto non son fidedignos e están cheos de mentiras. Algúns negacionistas sinalan que os nazis non puideron incinerar a tantas persoas tan rapidamente, nin que fose posible usar regularmente o gas Zyklon B de maneira tan efectiva nun mesmo lugar. Arthur Butz (EE. UU.), Bradley Smith (EE. UU.), Fred Leuchter (EE. UU.), Ernst Zundel (Alemaña, Canadá), David Irving (Gran Bretaña), Robert Faurisson (Francia), Ahmed Rami (Suecia) e Carlo Mattogno (Italia) son os principais representantes desta corrente.
Mahmoud Ahmadinejad, actual presidente de Irán, tamén nega o Holocausto.

ONU


Unha das consecuencias da Segunda Guerra Mundial foi a creación da Organización das Nacións Unidas (ONU). Foi fundada o 24 de outubro de 1945 en San Francisco, por 51 países, ao finalizar a Segunda Guerra Mundial, coa firma da Carta das Nacións Unidas. Substituíu á Sociedade de Nacións (SDN), fundada en 1919, xa que dita organización fallara no seu propósito de evitar outro conflito internacional. Ten a súa sede en Nova York. Está estruturada en diversos organismos administrativos: Asemblea Xeral, Consello de Seguridade, Consello Económico e Social, Secretaría Xeral e a Corte Internacional de Xustiza. A figura pública principal da ONU é o Secretario Xeral. O actual é Ban Ki-moon de Corea do Sur.

OS XUIZOS DE NUREMBERG

Serie de xuízos celebrados en Nuremberg, Alemaña, en 1945-1946, nos que antigos líderes nazis foron acusados e xulgados como criminais de guerra por un Tribunal Militar Internacional. A acusación á que deberon responder baseábase en catro cargos: (1) crimes contra a paz (planear, instigar e librar guerras de agresión violando os acordos e tratados internacionais); (2) crimes contra a humanidade (exterminio, deportacións e xenocidio); (3) crimes de guerra (violación das leis de guerra), e (4) "planear e conspirar para cometer" os actos criminais anteriormente mencionados.

martes, 25 de mayo de 2010

HOLOCAUSTO


En Historia, identifícase desde mediados do século XX co nome do Holocausto ao que tecnicamente tamén se coñece, seguindo a propia terminoloxía do Estado nazi, como Solución Final (en alemán, "Endlösung") da cuestión xudía, isto é, o intento de aniquilar totalmente á poboación xudía de Europa. Tamén se utiliza, aínda que con menor frecuencia, o termo a shoah. A decisión tomouse en xaneiro de 1942 na chamada Conferencia de Wannesee.
Xunto cos xudeus, outros grupos humanos como xitanos, soviéticos (especialmente, os prisioneiros de guerra), comunistas, Testemuñas de Jehová, polacos, outros pobos eslavos, os discapacitados, os homes homosexuais e disidentes políticos e relixiosos, foron tamén obxecto de persecución e asasinato durante o nazismo.
Recén terminada a nosa Guerra Civil cidadáns españois que padeceron as consecuencias dun conflito de dimensións aínda maiores. Na súa gran maioría estes españois eran exiliados que abandonaran España en 1939 e que contribuíron á defensa de Francia contra a Alemaña nazi. A derrota francesa levou a miles deles a caer prisioneiros do III Reich; coñeceron posteriormente un réxime inhumano que levou á morte da maioría deles. Tamén houbo galegos nos campos de concentración nazis principalmente en Mauthausen. Neste enlace pódense buscar tanto uns coma outros.



lunes, 24 de mayo de 2010

A DERROTA DO RÉXIME NAZI


A Batalla de Berlín foi unha das batallas finais da Segunda Guerra Mundial entre a Alemaña Nazi e a Unión Soviética, que trouxo como consecuencia directa a rendición incondicional de Alemaña ante o Exército Vermello, aínda que este tivo que pelexar casa por casa durante toda batalla a pesar da súa superioridade numérica.

Durante os combates, o Führer alemán Adolf Hitler suicidouse, así como o seu ministro de Propaganda Joseph Goebbels.


HIROSHIMA Y NAGASAKI

Os bombardeos atómicos sobre Hiroshima e Nagasaki foron ataques nucleares ordenados por Harry Truman, Presidente dos Estados Unidos de América, contra o Imperio de Xapón. Os ataques efectuáronse o 6 e o 9 de agosto de 1945, e puxeron o punto final á Segunda Guerra Mundial

A GUERRA NO PACÍFICO

Na fase final da Guerra en Asia e no Pacífico entre o Xapón e os EE.UU tiveron lugar episodios dramáticos como as Batallas de Iwo Jima e de Okinawa.








Coñecidas foron as intervencións dos Kamikazes xaponeses:

O DESEMBARCO DE NORMANDÍA

A operación Overlord: A Batalla de Normandía en 1944, denominada en clave Operación Overlord, foi a invasión de Europa, levada a cabo no noroeste de Francia, entón ocupada pola Alemaña nazi. O desembarco foi executado polas forzas aliadas na II Guerra Mundial. O esforzo aliado concentrouse en desembarcar en Europa un exército que, despois de liberar Francia, chegase até o mesmo corazón do Terceiro Reich. Os preparativos da operación Overlord iniciáronse en Gran Bretaña.




sábado, 22 de mayo de 2010

A BATALLA DE STALINGRADO

A Batalla de Stalingrado foi un enorme e sanguento enfrontamento entre as forzas alemás e os exércitos soviéticos pola cidade de Stalingrado (actual Volgogrado) entre xuño de 1942 e febreiro de 1943, durante o transcurso da Segunda Guerra Mundial. Con baixas estimadas de tres a catro millóns de persoas, entre soldados de ambos os bandos e civís, a Batalla de Stalingrado é considerada como a máis sanguenta na historia da humanidade. Os alemáns chamárona Rattenkrieg, "guerra de ratas".

PEARL HARBOR

O ataque a Pearl Harbor foi executado pola Armada Imperial Xaponesa na mañá do 7 de decembro de 1941. O ataque sorpresa a Pearl Harbor, na illa de Oahu en Hawai, foi dirixido á Frota do Pacífico da Armada dos Estados Unidos e ás forzas aéreas que defendían a zona.
Logo do ataque, o Presidente Franklin Delano Roosevelt declarou a guerra a Xapón, e catro días despois, Hitler declaroulle a guerra aos Estados Unidos.

A GUERRA XERMANO-SOVIÉTICA

O día 22 de xuño de 1941 comeza a "Operación Barbarroja"

jueves, 20 de mayo de 2010

AS VITORIAS DO EIXO

O 1 de setembro de 1939 Alemaña invadiu Polonia. Comezaba a Segunda Guerra Mundial.



A pesares da Liña Maginot, os alemáns invaden Francia en Maio de 1940.



En xuño de 1940, o Eixo controlaba a maior parte de Europa. Só un país se interpoñía no seu camiño: o Reino Unido.



A contenda non só tivo como escenario o continente europeo. O Deutsches Afrika Korps (DAK) era unha forza militar alemá enviada ao norte de África en 1941 como respaldo das tropas italianas que estaban a ser derrotadas polos ingleses durante a II Guerra Mundial. O seu comandante era o Mariscal de Campo Erwin Rommel, coñecido como o Raposo do Deserto.Tivo unha brillante actuación, combatendo en inferioridade de condicións contra as tropas británicas, até ser derrotado na segunda batalla do Alamein (23 de outubro ao 3 de novembro de 1942) polas tropas comandadas polo xeneral Bernard Law Montgomery


domingo, 16 de mayo de 2010

AS AGRESIÓNS ALEMANAS ANTES DA GUERRA

O fundamento da política exterior nazi foi a revisión do Tratado de Versalles. Paso a paso, Hitler foi incumprindo as cláusulas de Versalles que limitaban a capacidade militar de Alemaña. En 1933 abandonou a Sociedade de Nacións e en marzo de 1935 restableceuse o servizo militar obrigatorio. En 1936 remilitarizou a rexión de Renania. En 1937, Hitler planificou as accións que lle permitiron ao Reich a incorporación dos territorios exteriores poboados por alemáns, comezando a conquista do Lebensraum ou espazo vital. En marzo de 1938 o exército alemán entrou en Austria e produciuse o Anschluss. En setembro de 1938, trala Conferencia de Múnic, levouse a cabo a incorporación da rexión dos Sudetes ao Reich, e en marzo de 1939 o exército xermano invadiu Checoslovquia. O seguinte territorio parecía ser Polonia, pois a prensa alemana esixía a incorporación da cidade libre de Dánzig. Pero Francia e o Reino Unido aparcaron a política de apaciguamento e opoñíanse frontalmente a esta aspiración. A guerra non ía tardar en estalar.

sábado, 15 de mayo de 2010

II GUERRA MUNDIAL

Entre 1939 e 1945 desenvolveuse o máis grande conflito bélico de tódolos tempos: A Segunda Guerra Mundial. Nacións dos cinco continentes participarán nel, alineadas nun ou noutro bando, no Eixe ou nos Aliados, e os enfrontamentos terán lugar en múltiples puntos do mundo.
A guerra comezou o día 1 de setembro de 1939 coa invasión alemana de Polonia e rematou coa rendición incondicional xaponesa o día 2 de setembro de 1945 tralos bombardeos atómicos de Hiroshima e Nagasaki.
A Batalla de Inglaterra, a operación Barbarroja, Stalingrado, Pearl Harbour, Iwo Jima ou Normandía foron só algúns dos seus episodios máis coñecidos, e W. Churchill, Hiro-Hito, De Gaulle, Einsenhower, Mussolini ou Hitler os nomes propios da contenda.
Pero, sen dúbida, a Segunda Guerra Mundial será sempre recordada polo exterminio sistemático levado a cabo polo réxime nazi de Alemaña sobre a poboación xudea: O Holocausto. Polo menos seis millóns de persoas foron executadas nos campos de concentración e de exterminio nazis: Dachau, Buchenwald, Belzec, Sobibor, Treblinka ou Auschwitz son sinónimos do horror que neles se viviu.
Ademais das enormes perdas humanas e económicas, as consecuencias da contenda serán os cambios territoriais que alterarán o mapa de Europa e de Asia oriental ou a creación da ONU.
Na composición de vídeos que aparece a continuación aparece un relato dos sucesos que extremeceron ao mundo.



Para a explicación valerémonos desta presentación:

viernes, 23 de abril de 2010

AS WAFFEN SS


As Waffen-SS eran o corpo de combate de elite das Schutzstaffel (máis coñecidas como as SS, ou escuadras de protección). A Schutzstaffel , foi unha organización militar e de seguridade do Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán. As SS establecéronse en 1925 como garda persoal do líder nazi Adolf Hitler. Dirixidas polo Reichsführer-SS Heinrich Himmler, as Waffen-SS, a á militar das SS, participaron na Segunda Guerra Mundial. Finalizada a guerra algúns dos seus líderes foron xulgados por crimes de guerra.
Comezaron como unidade de protección e choque da dirección do Partido Nazi, até converterse nunha forza de combate de 950.000 soldados aproximadamente, dos que 352.000 morreron en acción e 50.000 desapareceron.
Batéronse baixo o signo das Waffen-SS homes dunhas vinte e cinco nacionalidades. Nos Xuízos de Núremberg, as Waffen-SS foron condenadas como parte dunha organización criminal debido á súa participación en atrocidades e crimes de guerra.


GESTAPO: A SÚA HISTORIA


Outra das temibles armas do réxime nazi foi a Gestapo. A Gestapo (contracción de Geheime Staatspolizei "policía secreta do estado") foi a policía secreta oficial da Alemaña de Hitler. Baixo a total administración das Schutzstaffel (SS), foi administrada pola Reichssicherheitshauptamt (RSHA) (Oficina Central de Seguridade do Reich) e considerada como unha organización dual do Sicherheitsdienst (SD) (servizo de seguridade) e tamén unha Suboficina da Sicherheitspolizei (SIPO) (policía de seguridade). Establecida en abril de 1933 e disolta o 7 de maio de 1945 por orde do Xeneral Eisenhower.
A Gestapo foi creada en abril de 1933, en Prusia, partindo da organización da Policía Secreta Prusiana. O rol da Gestapo como forza policial política non resultou evidente ata que Hermann Göring foi nomeado sucesor de Diels como comandante da Gestapo en Prusia. Göring recomendou ao goberno alemán estender o poder da Gestapo máis aló de Prusia até abarcar toda Alemaña. Isto conseguiuno Göring excepto en Baviera, onde Heinrich Himmler (cabeza da SS) desempeñou o papel de presidente da policía de Baviera e usou as unidades locais da SS como forza policial política.
En abril de 1934, Hermann Göring e Heinrich Himmler acordaron pór a un lado as súas diferenzas e Göring transferiu toda a autoridade da Gestapo ás SS. En tal punto, a Gestapo foi incorporada dentro da Sicherheitspolizei e considerada unha organización irmá do Sicherheitsdienst.
A función da Gestapo era a de investigar e combater "todas as tendencias perigosas para o Estado". Tiña autoridade para investigar os casos de traizón, espionaxe e sabotaxe, ademais dos casos de ataques criminais ao NSDAP e ao Estado.
Un dos últimos combates de Berlín librouse nos sumidoiros e nas ruínas da Sede da Gestapo no número 8 da rúa Prinz Albrecht.
Logo de asinada a rendición incondicional, o Alto Mando Aliado disolveu á Gestapo, ao NSDAP, ás SS e ás demais organizacións estatais da Alemaña e arrestaron e asasinaron a moitos dos seus membros.

domingo, 18 de abril de 2010

FASCISMO E NAZISMO

Dende o punto de vista político e ideolóxico, o período de entreguerras (1919-1939) concrétase nunha crise da democracia e do liberalismo. As institucións políticas liberais só funcionarán nos países técnica e economicamente desenvolvidos. O Reino Unido vivirá unha etapa de paz social, de crise do partido liberal e da rápida ascensión do partido laborista, ainda que o gran problema será o nacionalismo irlandés. Para Francia será, no contexto da III República, unha fase de inestabilidade e crise coa formación de bloques políticos como o Bloque Nacional ou a Fronte Popular. A Alemaña da República de Weimar viviu unha forte convulsión co ascenso do nacionalsocialismo na década dos trinta.

A exaltación nacionalista foi a tónica na vida política dos anos vinte. As ditaduras fascista en Italia e nacionalsocialista en Alemaña pódense consideran como a versión conservadora do Estado totalitario. A ideoloxía fascista caracterízase por:


  • Nacionalismo radical.

  • Negación dos principios democráticos e liberais.

  • Anulación da separación de poderes.

  • Supresión dos partidos políticos por un partido único.

  • Subordinación dos individuos ao Estado.

  • Organización corporativa da sociedade e anti-igualitarismo social.

  • Culto ao líder indiscutible.

  • Primacía da acción sobre a palabra.

  • Militarismo.

  • Idea imperialista que se traduce no principio de búsqueda do espazo vital.

O fascismo xurdiu en Italia e da man do seu líder Benito Mussolini accedeu ao poder en 1922. O partido nacionalsocialista chega ao poder en Alemaña en 1933 baixo o liderado de Adolf Hitler. Ámbolos dous son a manifestación da creba da democracia occidental trala Grande Guerra.




jueves, 8 de abril de 2010

Ku Klux Klan

Ku Klux Klan (tamén coñecido como KKK) é o nome de varias organizacións racistas dos Estados Unidos que apoian a supremacía branca e o protestantismo (coñecido tamén como WASP) en detrimento doutras etnias e relixións. O KKK, no seu período máis forte, localizouse principalmente na rexión sur do país, en estados como Texas e Mississippi.
O primeiro Ku Klux Klan foi fundado por 6 amigos da cidade de Pulaski, Tennessee, en 1865 despois do final da Guerra Civil americana. O seu obxectivo era impedir a integración social dos negros recén liberados, como por exemplo adquirir terras, e outros dereitos concedidos aos demais cidadáns, como votar. O nome, cuxo rexistro máis antigo é de 1867, parece derivar da palabra grega kyklos, que significa 'círculo, anel', e da palabra inglesa clan (clan) escrita con K. Debido aos métodos violentos do KKK, existe tamén a hipótese de que o nome se inspirou no son feito cando se arranxa un rifle para disparar.
Empregaban vestimentas brancas dende a cabeza ata os pés e utilizaban métodos de intimidación e tortura; conmunmente adoitaban aparecer cruces queimadas en cumios ou preto das propiedades, un símbolo que o clan empregaba co fin de atemorizar aos que para eles supoñía unha ameaza para a raza branca.
En 1872 o grupo foi prohibidos nos Estados Unidos.
O segundo grupo que utilizou o mesmo nome fundouse en 1915 (algúns relaciónano co lanzamento do filme O Nacemento dunha Nación, naquel mesmo ano) en Atlanta por William J. Simmons. Este grupo creouse como unha organización fraternal e loitou polo dominio dos brancos protestantes sobre os negros, católicos, xudeus e asiáticos, así como outros inmigrantes. Este grupo foi famoso polos linchamentos e outras actividades violentas contra os seus "inimigos". Crese que chegou a ter entre 4 e 5 millóns de membros na década de 1920, incluíndo moitos políticos. A popularidade do grupo caeu na Gran Depresión e durante a Segunda Guerra Mundial. Na actualidade calcúlase que ten arredor de 3.000 membros.


A LEI SECA

Entre os anos 1920 e 1933 estivo vixente nos Estados Unidos a Lei Seca establecida pola Enmenda XVIII á Constitución, que prohibía en todo o país non o consumo, pero sí a fabricación, transporte e venda de bebidas alcohólicas (aquelas que superaran os 0,5 grados). Pretendíase desterrar o alcoholismo da sociedade ao que se acusaba de provocar pobreza, enfermidades e delincuencia. Identificábanse aos inmigrantes, que chegaban por miles ao país, coa inxesta desmesurada de alcohol e portadores de costumes e ideoloxías libertinas. Contra isto reaccionaron os defensores da supremacía da raza anglosaxona, nacional e puritana co obxectivo de preservar a "norteamericanización" dos EE.UU, de aí a Lei de Prohibición ou Lei Volstead. Os seus promotores denominárona como "nobre experimento"
O alcohol seguiuse producindo de forma clandestina e importado tamén clandestinamente dos países limítrofes, e a Prohibición en vez de resolver os problemas sociais provocou un auxe considerable do crime organizado. Un bo exemplo disto foi Al Capone, fillo de inmigrantes italianos que controlaba destilerías e bares clandestinos.
En 1933, Roosevelt, do partido demócrata, asumiu a presidencia norteamericana. Ese mesmo ano, o Congreso votou a Enmenda XXI que derogaba a XVIII.

sábado, 27 de marzo de 2010

PROSPERIDADE E CRISE. O CRACK DE 1929

A Primeira Guerra Mundial significou a perda da hexemonía de Europa e a consolidación como grandes potencias de EE.UU e Xapón. O centro mundial das finanzas trasladouse de Londres a Nova York. Os EE.UU convértense en banqueiros do mundo.
Tralos acordos de Locarno a economía mundial entrou nun período de expansión: os Felices Anos Vinte. O ambiente de optimismo económico apoiábase na superprodución e na especulación. A superprodución agraria e industrial provoca un aumento de stocks sen que aumente o consumo. A pesares disto as cotizacións dos valores en bolsa non deixan de subir o que ocasiona a obtención de ganancias a curto prazo. O sistema bancario orientou os seus fondos para respaldar aos especuladores en vez de invertir en sectores produtivos.
O 24 de outubro de 1929, "xoves negro", 13 millóns de títulos son postos á venda en Wall Street a baixo prezo sen atopar comprador. O afundimento da bolsa provoca a miseria de milleiros de accionistas. É o rude awakening que enche aos EE.UU de estupor.
A crise bursátil repercute en toda a economía norteamericana: arruínanse empresas e o paro convértese nun pesadelo nacional.
Os Bancos foron os máis afectados pola depresión. Para afrontar a crise os Bancos americanos repatriaron capitais o que provocou a exportación da mesma aos estados europeos. A crise comeza afectando aos países industrializados pero pronto sacude tamén aos países agrícolas.
Alemaña, xunto cos EE.UU, é o país máis gravemente afectado pola depresión (6 millóns de parados en 1932). A causa era a dependencia dos capitais norteamericanos que ao seren retirados debilitan o marco e fan máis costosa a devolución dos créditos.
En 1933 o demócrata F.D. Roosevelt substitúe na presidencia dos EE.UU ao republicano Hoover. Puxo en práctica o New Deal axudándolle aos bancos, aos agricultores que reduciran as colleitas, ás industrias,..., é dicir, a política económica basearase no intervencionismo estatal o que chocaba coa tradición americana da libre empresa. Isto fará que algunhas medidas sexan invalidadas polo Tribunal Supremo.
As consecuencias da crise serán:
  • Radicalización dos nacionalismos.
  • Descrédito da democracia parlamentaria: ascenso do fascismo e do nazismo.
  • Crise demográfica: diminución da natalidade; paralización da emigración intercontinental; modérase a concentración urbana.
  • O socialismo alónxase do comunismo e entra no xogo da democracia parlamentaria.
  • Na orde intelectual prodúcese unha crise de conciencia ou de valores. Un exemplo atopámolo na obra de Steinbeck, As uvas da ira.
  • Revisión do pensamento económico: Keynes di que hai que actuar sobre a demanda provocando un aumento do emprego. Para iso haberá que renunciar, se é necesario, ao patrón-ouro ou aumentar a inversión pública coa realización de grandes obras.

Galbraith, co seu famoso estudo sobre o crack do 29, é un autor clave ao que recurrir para coñecer as claves deste feito histórico.




No entanto, parece que non aprendemos dos erros do pasado:

jueves, 11 de marzo de 2010

HOLODOMOR

Aproveitando que estamos estudando o tema referido á Revolución Rusa, apareceu na prensa estes días unha noticia que fai referencia a unha proposta de CiU na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados, na que pedía ao Goberno español impulsar a incorporación aos textos escolares, dentro do sistema educativo autonómico, información sobre a fame negra que se produciu en Ucraína a comezos da década dos anos 30 do século pasado.
Holodomor é unha palabra ucraína que significa matar de fame e alude ao xenocidio ou morte de millóns de campesiños dese país do leste de Europa durante a colectivización forzosa de terras emprendida por Stalin. O efecto da fame foi masivo e prolongado. Os ucraínos comezaron a comer follas, cans, gatos, ratos, paxaros e ras. Cando isto non era suficiente pasaron ao canibalismo. Este converteuse en tan frecuente que o goberno imprimiu carteis que dicían: "comer aos teus propios fillos é un acto de barbarismo". No vídeo que aparece a continuación aparecen dun xeito sintético os acontecementos aos que me estou a referir.

domingo, 21 de febrero de 2010

A Revolución Rusa


Outubro de 1917 foi o mes que cambiou a historia de Rusia e que influíu dun xeito determinante na evolución do mundo ao longo do século XX. John Reed na obra "Dez días que estremeceron ao mundo" narra os sucesos que aconteceron. As causas da Revolución Rusa atópanse na crise do réxime zarista e o seu triunfo significou a creación do primeiro estado comunista do mundo. Os sucesos que tiveron lugar e os persoaxes que nela participaron supuxeron a transición dun xeito case fulminante dunha monarquía absoluta a un réxime comunista.
Nos documentos que aparecen a continuación poderaste facer unha idea do fenómeno revolucionario, así como adquirir un vocabulario básico para entendelo.





viernes, 29 de enero de 2010

A Primeira Guerra Mundial

A Gran Guerra, como a denominou Marc Ferro no seu estudo xa clásico, foi un acontecemento que cronoloxicamente tivo lugar entre 1914-1918 e signficou unha transformación radical do mapa socio-político do mundo: a desmembración dos grandes imperios decimonónicos, a revolución bolxevique, o ascenso a potencia mundial dos Estados Unidos ou a aparición do fascismo. Todos estes fenómenos fixeron que a Historia da primeira metade do século XX fose moi sanguenta.



jueves, 14 de enero de 2010

A INFLUENCIA EUROPEA SOBRE O MUNDO

A expansión europea a través do mundo é un dos feitos capitais da historia humana, do mesmo xeito que a descolonización foi un dos acontecementos esenciais do período posterior á Segunda Guerra Mundial. Na segunda metade do século XIX e principios do XX, a expansión colonial tivo lugar no momento no que a parte da Europa afectada polo fenómeno colonial é proporcionalmente a máis rica e a máis poboada do mundo. A necesidade de colonias por parte dos países europeos foi debida a varias causas: Dipoñer de materias primas para a súa puxante economía, colocar poboación sobrante, invertir capitais ou, a que se considera máis importante, a ambición de grandeza ou gloria que animaba aos gobernos do continente.
O certo é que en vísperas da Primeira Guerra Mundial conseguiron repartirse o mundo case totalmente.