Blogue en construción

Blogue en construción

jueves, 8 de abril de 2010

Ku Klux Klan

Ku Klux Klan (tamén coñecido como KKK) é o nome de varias organizacións racistas dos Estados Unidos que apoian a supremacía branca e o protestantismo (coñecido tamén como WASP) en detrimento doutras etnias e relixións. O KKK, no seu período máis forte, localizouse principalmente na rexión sur do país, en estados como Texas e Mississippi.
O primeiro Ku Klux Klan foi fundado por 6 amigos da cidade de Pulaski, Tennessee, en 1865 despois do final da Guerra Civil americana. O seu obxectivo era impedir a integración social dos negros recén liberados, como por exemplo adquirir terras, e outros dereitos concedidos aos demais cidadáns, como votar. O nome, cuxo rexistro máis antigo é de 1867, parece derivar da palabra grega kyklos, que significa 'círculo, anel', e da palabra inglesa clan (clan) escrita con K. Debido aos métodos violentos do KKK, existe tamén a hipótese de que o nome se inspirou no son feito cando se arranxa un rifle para disparar.
Empregaban vestimentas brancas dende a cabeza ata os pés e utilizaban métodos de intimidación e tortura; conmunmente adoitaban aparecer cruces queimadas en cumios ou preto das propiedades, un símbolo que o clan empregaba co fin de atemorizar aos que para eles supoñía unha ameaza para a raza branca.
En 1872 o grupo foi prohibidos nos Estados Unidos.
O segundo grupo que utilizou o mesmo nome fundouse en 1915 (algúns relaciónano co lanzamento do filme O Nacemento dunha Nación, naquel mesmo ano) en Atlanta por William J. Simmons. Este grupo creouse como unha organización fraternal e loitou polo dominio dos brancos protestantes sobre os negros, católicos, xudeus e asiáticos, así como outros inmigrantes. Este grupo foi famoso polos linchamentos e outras actividades violentas contra os seus "inimigos". Crese que chegou a ter entre 4 e 5 millóns de membros na década de 1920, incluíndo moitos políticos. A popularidade do grupo caeu na Gran Depresión e durante a Segunda Guerra Mundial. Na actualidade calcúlase que ten arredor de 3.000 membros.


A LEI SECA

Entre os anos 1920 e 1933 estivo vixente nos Estados Unidos a Lei Seca establecida pola Enmenda XVIII á Constitución, que prohibía en todo o país non o consumo, pero sí a fabricación, transporte e venda de bebidas alcohólicas (aquelas que superaran os 0,5 grados). Pretendíase desterrar o alcoholismo da sociedade ao que se acusaba de provocar pobreza, enfermidades e delincuencia. Identificábanse aos inmigrantes, que chegaban por miles ao país, coa inxesta desmesurada de alcohol e portadores de costumes e ideoloxías libertinas. Contra isto reaccionaron os defensores da supremacía da raza anglosaxona, nacional e puritana co obxectivo de preservar a "norteamericanización" dos EE.UU, de aí a Lei de Prohibición ou Lei Volstead. Os seus promotores denominárona como "nobre experimento"
O alcohol seguiuse producindo de forma clandestina e importado tamén clandestinamente dos países limítrofes, e a Prohibición en vez de resolver os problemas sociais provocou un auxe considerable do crime organizado. Un bo exemplo disto foi Al Capone, fillo de inmigrantes italianos que controlaba destilerías e bares clandestinos.
En 1933, Roosevelt, do partido demócrata, asumiu a presidencia norteamericana. Ese mesmo ano, o Congreso votou a Enmenda XXI que derogaba a XVIII.

sábado, 27 de marzo de 2010

PROSPERIDADE E CRISE. O CRACK DE 1929

A Primeira Guerra Mundial significou a perda da hexemonía de Europa e a consolidación como grandes potencias de EE.UU e Xapón. O centro mundial das finanzas trasladouse de Londres a Nova York. Os EE.UU convértense en banqueiros do mundo.
Tralos acordos de Locarno a economía mundial entrou nun período de expansión: os Felices Anos Vinte. O ambiente de optimismo económico apoiábase na superprodución e na especulación. A superprodución agraria e industrial provoca un aumento de stocks sen que aumente o consumo. A pesares disto as cotizacións dos valores en bolsa non deixan de subir o que ocasiona a obtención de ganancias a curto prazo. O sistema bancario orientou os seus fondos para respaldar aos especuladores en vez de invertir en sectores produtivos.
O 24 de outubro de 1929, "xoves negro", 13 millóns de títulos son postos á venda en Wall Street a baixo prezo sen atopar comprador. O afundimento da bolsa provoca a miseria de milleiros de accionistas. É o rude awakening que enche aos EE.UU de estupor.
A crise bursátil repercute en toda a economía norteamericana: arruínanse empresas e o paro convértese nun pesadelo nacional.
Os Bancos foron os máis afectados pola depresión. Para afrontar a crise os Bancos americanos repatriaron capitais o que provocou a exportación da mesma aos estados europeos. A crise comeza afectando aos países industrializados pero pronto sacude tamén aos países agrícolas.
Alemaña, xunto cos EE.UU, é o país máis gravemente afectado pola depresión (6 millóns de parados en 1932). A causa era a dependencia dos capitais norteamericanos que ao seren retirados debilitan o marco e fan máis costosa a devolución dos créditos.
En 1933 o demócrata F.D. Roosevelt substitúe na presidencia dos EE.UU ao republicano Hoover. Puxo en práctica o New Deal axudándolle aos bancos, aos agricultores que reduciran as colleitas, ás industrias,..., é dicir, a política económica basearase no intervencionismo estatal o que chocaba coa tradición americana da libre empresa. Isto fará que algunhas medidas sexan invalidadas polo Tribunal Supremo.
As consecuencias da crise serán:
  • Radicalización dos nacionalismos.
  • Descrédito da democracia parlamentaria: ascenso do fascismo e do nazismo.
  • Crise demográfica: diminución da natalidade; paralización da emigración intercontinental; modérase a concentración urbana.
  • O socialismo alónxase do comunismo e entra no xogo da democracia parlamentaria.
  • Na orde intelectual prodúcese unha crise de conciencia ou de valores. Un exemplo atopámolo na obra de Steinbeck, As uvas da ira.
  • Revisión do pensamento económico: Keynes di que hai que actuar sobre a demanda provocando un aumento do emprego. Para iso haberá que renunciar, se é necesario, ao patrón-ouro ou aumentar a inversión pública coa realización de grandes obras.

Galbraith, co seu famoso estudo sobre o crack do 29, é un autor clave ao que recurrir para coñecer as claves deste feito histórico.




No entanto, parece que non aprendemos dos erros do pasado:

jueves, 11 de marzo de 2010

HOLODOMOR

Aproveitando que estamos estudando o tema referido á Revolución Rusa, apareceu na prensa estes días unha noticia que fai referencia a unha proposta de CiU na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados, na que pedía ao Goberno español impulsar a incorporación aos textos escolares, dentro do sistema educativo autonómico, información sobre a fame negra que se produciu en Ucraína a comezos da década dos anos 30 do século pasado.
Holodomor é unha palabra ucraína que significa matar de fame e alude ao xenocidio ou morte de millóns de campesiños dese país do leste de Europa durante a colectivización forzosa de terras emprendida por Stalin. O efecto da fame foi masivo e prolongado. Os ucraínos comezaron a comer follas, cans, gatos, ratos, paxaros e ras. Cando isto non era suficiente pasaron ao canibalismo. Este converteuse en tan frecuente que o goberno imprimiu carteis que dicían: "comer aos teus propios fillos é un acto de barbarismo". No vídeo que aparece a continuación aparecen dun xeito sintético os acontecementos aos que me estou a referir.

domingo, 21 de febrero de 2010

A Revolución Rusa


Outubro de 1917 foi o mes que cambiou a historia de Rusia e que influíu dun xeito determinante na evolución do mundo ao longo do século XX. John Reed na obra "Dez días que estremeceron ao mundo" narra os sucesos que aconteceron. As causas da Revolución Rusa atópanse na crise do réxime zarista e o seu triunfo significou a creación do primeiro estado comunista do mundo. Os sucesos que tiveron lugar e os persoaxes que nela participaron supuxeron a transición dun xeito case fulminante dunha monarquía absoluta a un réxime comunista.
Nos documentos que aparecen a continuación poderaste facer unha idea do fenómeno revolucionario, así como adquirir un vocabulario básico para entendelo.





viernes, 29 de enero de 2010

A Primeira Guerra Mundial

A Gran Guerra, como a denominou Marc Ferro no seu estudo xa clásico, foi un acontecemento que cronoloxicamente tivo lugar entre 1914-1918 e signficou unha transformación radical do mapa socio-político do mundo: a desmembración dos grandes imperios decimonónicos, a revolución bolxevique, o ascenso a potencia mundial dos Estados Unidos ou a aparición do fascismo. Todos estes fenómenos fixeron que a Historia da primeira metade do século XX fose moi sanguenta.



jueves, 14 de enero de 2010

A INFLUENCIA EUROPEA SOBRE O MUNDO

A expansión europea a través do mundo é un dos feitos capitais da historia humana, do mesmo xeito que a descolonización foi un dos acontecementos esenciais do período posterior á Segunda Guerra Mundial. Na segunda metade do século XIX e principios do XX, a expansión colonial tivo lugar no momento no que a parte da Europa afectada polo fenómeno colonial é proporcionalmente a máis rica e a máis poboada do mundo. A necesidade de colonias por parte dos países europeos foi debida a varias causas: Dipoñer de materias primas para a súa puxante economía, colocar poboación sobrante, invertir capitais ou, a que se considera máis importante, a ambición de grandeza ou gloria que animaba aos gobernos do continente.
O certo é que en vísperas da Primeira Guerra Mundial conseguiron repartirse o mundo case totalmente.