Blogue en construción

Blogue en construción

sábado, 27 de marzo de 2010

PROSPERIDADE E CRISE. O CRACK DE 1929

A Primeira Guerra Mundial significou a perda da hexemonía de Europa e a consolidación como grandes potencias de EE.UU e Xapón. O centro mundial das finanzas trasladouse de Londres a Nova York. Os EE.UU convértense en banqueiros do mundo.
Tralos acordos de Locarno a economía mundial entrou nun período de expansión: os Felices Anos Vinte. O ambiente de optimismo económico apoiábase na superprodución e na especulación. A superprodución agraria e industrial provoca un aumento de stocks sen que aumente o consumo. A pesares disto as cotizacións dos valores en bolsa non deixan de subir o que ocasiona a obtención de ganancias a curto prazo. O sistema bancario orientou os seus fondos para respaldar aos especuladores en vez de invertir en sectores produtivos.
O 24 de outubro de 1929, "xoves negro", 13 millóns de títulos son postos á venda en Wall Street a baixo prezo sen atopar comprador. O afundimento da bolsa provoca a miseria de milleiros de accionistas. É o rude awakening que enche aos EE.UU de estupor.
A crise bursátil repercute en toda a economía norteamericana: arruínanse empresas e o paro convértese nun pesadelo nacional.
Os Bancos foron os máis afectados pola depresión. Para afrontar a crise os Bancos americanos repatriaron capitais o que provocou a exportación da mesma aos estados europeos. A crise comeza afectando aos países industrializados pero pronto sacude tamén aos países agrícolas.
Alemaña, xunto cos EE.UU, é o país máis gravemente afectado pola depresión (6 millóns de parados en 1932). A causa era a dependencia dos capitais norteamericanos que ao seren retirados debilitan o marco e fan máis costosa a devolución dos créditos.
En 1933 o demócrata F.D. Roosevelt substitúe na presidencia dos EE.UU ao republicano Hoover. Puxo en práctica o New Deal axudándolle aos bancos, aos agricultores que reduciran as colleitas, ás industrias,..., é dicir, a política económica basearase no intervencionismo estatal o que chocaba coa tradición americana da libre empresa. Isto fará que algunhas medidas sexan invalidadas polo Tribunal Supremo.
As consecuencias da crise serán:
  • Radicalización dos nacionalismos.
  • Descrédito da democracia parlamentaria: ascenso do fascismo e do nazismo.
  • Crise demográfica: diminución da natalidade; paralización da emigración intercontinental; modérase a concentración urbana.
  • O socialismo alónxase do comunismo e entra no xogo da democracia parlamentaria.
  • Na orde intelectual prodúcese unha crise de conciencia ou de valores. Un exemplo atopámolo na obra de Steinbeck, As uvas da ira.
  • Revisión do pensamento económico: Keynes di que hai que actuar sobre a demanda provocando un aumento do emprego. Para iso haberá que renunciar, se é necesario, ao patrón-ouro ou aumentar a inversión pública coa realización de grandes obras.

Galbraith, co seu famoso estudo sobre o crack do 29, é un autor clave ao que recurrir para coñecer as claves deste feito histórico.




No entanto, parece que non aprendemos dos erros do pasado:

No hay comentarios:

Publicar un comentario